Cando vives en Australia dáste conta do que é de verdade o deporte. Que todo o que viviches, o que viches pola televisión e o mundo deportivo que te rodea na Península queda afastado da realidade e da paixón deportiva australiana. En España, a nosa paixón polo fútbol céganos á hora de abrir a nosa mente deportiva. En Australia, a variedade de deportes e xogos deportivos como forma natural de vida é tan ampla que case asusta.
Todo o mundo en Australia practica varios deportes durante un gran número de horas á semana, dende a persoa máis vella ata a máis nova. Isto queda claramente demostrado nunha sociedade onde o deporte é unha parte fundamental na que basean todo. O seu ADN deportivo aparece representado en: Footy, Rugby, Soccer, Cricket, natación, tenis, running… Son só algúns dos exemplos de como a sociedade e a súa vida se van formando arredor do deporte.
Facer unha lista dos 10 deportes que máis se practican en Australia é moi fácil, xa que non teñen un único deporte nacional, senón que reparten as súas preferencias entre diferentes disciplinas. Un 70% dos rapaces australianos practican deporte de forma regular, posto que o país conta con notables logros a nivel internacional.
Este é o top 10 dos deportes máis practicados en Australia:
- Fútbol Australiano (AFL o Australian Football League)
É unha variante do fútbol tradicional que naceu en Australia e é a disciplina que ten o maior número de espectadores a nivel nacional. Enfronta a equipos de 18 xogadores e tanto o campo coma o balón teñen forma ovalada. A pelota pódese tocar con calquera parte do corpo e os xogadores poden facerlle un bloqueo ós seus contrincantes como forma de ataque.


- Rugby
A selección australiana de Rugby, liderada pola Australian Rugby Union (ARU) ten o récord de gañar a Copa Mundial de Rugby dúas veces (nas edicións europeas do 1991 e do 1999).

- Fútbol ou Soccer
A primeira federación de fútbol australiana fundouse no ano 1882 e despois da morea de inmigrantes europeos que chegaron a Australia despois da Segunda Guerra Mundial, gañou moita popularidade. A A-League está formada polas federacións de cada estado e por debaixo da competición nacional atópanse as liñas estatais.

- Tenis
O famoso Open Australia, o primeiro dos catro torneos que forman o Grand Slam de Tenis, celébrase cada ano en Melbourne levando a millóns de turistas e ós tenistas máis recoñecidos a nivel mundial. A competición divídese en categorías individuais e de dobres, tanto para homes como para mulleres, así como mixtos dobres (parellas de homes e mulleres).

- Crícket
Os australianos levan xogando ó crícket máis de 200 anos. É un deporte moi popular, sobre todo no verán, xa que o practican durante os pícnics en parques e praias. O equipo nacional de crícket é un dos que máis éxitos obtén, posto que gañou 4 veces o título mundial.

- Golf
Hai máis de 1.500 campos de golf arredor do país. É un pasatempo moi popular entre os australianos. Existen campos públicos e campos privados, e a gran maioría dos privados dispoñen tamén dun lugar só para vacacións, polo que ofrecen paquetes económicos que inclúen hotel e máis a competición de golf propiamente dita. Un dos torneos máis coñecidos é o Australian Open Golf.

- Fórmula 1
Moitos australianos senten paixón polas carreiras de coches. Cada ano, o país alberga numerosos eventos de Fórmula 1 como o Formula 1 Australian Grand Prix.

- Maratóns
Son eventos moi populares no horario deportivo de Australia. Celébranse múltiples carreiras de 10 e 5 km como a Great Ocean Road International Marathon na que participan corredores de todo o mundo.
- Submarinismo
Grazas á Gran Barreira de Coral, Australia é un dos países preferidos para practicar este deporte. Cada ano van miles de afeccionados para gozar dun dos fondos mariños máis espectaculares do planeta.

- Surf
O surf chegou a Australia na década de 1910 e grazas ás espectaculares praias que posúe o país é un dos deportes practicado por miles de australianos, sobre todo polas persoas novas. Existen torneos profesionais de surf como o Coolangata, o Margaret River e Bells Beach, así como surfeiros mundialmente coñecidos como Mark Richards ou Terry Fitzgerald.

Iván Pazó Rial
REFERENCIAS
- Topendsports: Most Popular Sports in Australia [en liña]. [Ref. do 22/02/2017]. Dispoñible en: http://www.topendsports.com/world/lists/popular-sport/countries/australia.htm
- Australia.com. Páxina web oficial do turismo en Australia: El deporte en Australia [en liña]. [Ref. do 22/02/2017]. Dispoñible en: http://www.australia.com/es-cl/things-to-do/australian-sport.html
- AussieTouToo (blog): La cultura del deporte en Australia [en liña]. [Ref. do 22/02/2017]. Dispoñible en: http://www.aussieyoutoo.com/cultura-del-deporte-en-australia/
- Estudiar en Australia. Los deportes más practicados en Australia [en liña]. [Ref. do 22/02/2017]. Dispoñible en: http://www.estudiarenaustralia.org/deportes-mas-practicados-en-australia/
- GoStudyAustralia: La pasión por el deporte en Australia [en liña]. [Ref. do 22/02/2017]. Dispoñible en: http://www.gostudyaus.es/blog/deporte-en-australia/