Tendo en conta que levamos catro meses falando da cultura dos países anglófonos e da importancia da historia para entender esta cultura, penso que é imprescindible coñecer un pouco máis da vida dunha das raíñas do Reino Unido máis emblemáticas.
O 24 de maio de 1819 naceu en Londres Alexandrina Vitoria, froito do matrimonio entre Vitoria de Saxonia-Coburgo-Saalfeld e o príncipe Eduardo, duque de Kent. Alexandrina Vitoria non parecía destinada a subir ao trono, xa que ocupaba a cuarta posición na liña sucesoria, pero as mortes do seu pai e do seu avó (Xurxo III) fixeron que cada vez fose máis posible o seu reinado.

Coas mortes do pai e do avó de Vitoria, subiu ao trono un dos seus tíos. Nese momento, cando Vitoria só tiña 10 anos, comezou a contemplarse de verdade a posibilidade de que chegase ao trono. De feito, aquí temos a primeira mostra do gran carácter que amosaría como monarca: cando foron falar con ela para dicirlle que se os seus dous tíos morrían sen descendencia masculina a seguinte no trono sería ela, Vitoria estivo calada un anaco para despois dicir: “Serei unha boa raíña”. Despois disto, os seus tíos Xurxo IV e Guillerme IV gobernaron ata o ano 1837, cando faleceu este último. E aí foi cando Vitoria I do Reino Unido chegou ao trono.
Xa dende o primeiro momento fíxose evidente a tensión que Vitoria tiña coa súa nai, debido ás poucas liberdades que esta lle dera durante a súa educación. Ao longo da súa vida, Vitoria só falara con aqueles que eran considerados “apropiados” pola súa proxenitora, e isto reducía as cifras a moi poucas persoas. Ademais, nai e filla durmían nunha mesma habitación, xa que non lle permitía ter unha propia. Por isto, unha das primeiras ordes que deu como monarca foi que de aí en diante non compartirían dormitorio.
Vitoria herdou o trono cando a monarquía non estaba no seu mellor momento. Aínda así, a raíña conseguiu gañarse o respecto dos seus súbditos, facendo que o pobo se sentise cada vez máis monárquico. Tampouco pensemos que o pobo lle daba todo por ben feito, senón que nalgunhas ocasións foi moi criticada. Un claro exemplo disto foron as numerosas críticas que recibiu por cambiar as súas crenzas políticas: ao longo da súa vida, pasaría de ser liberal a conservadora.
Cando tiña 21 anos, no 1840, Vitoria casou co seu primo, o príncipe Alberte de Saxonia-Coburgo-Gotha. Vitoria estaba moi namorada do seu esposo e delegaba moitas responsabilidades nel, sobre todo cando ela estaba embarazada. Tiveron nove fillos: catro nenos e cinco nenas, que ao medrar casarían con diferentes membros das familias reais europeas. Isto fixo que fose coñecida por algúns como a “avoa de Europa”.

1861 foi un ano tráxico para a raíña: en marzo morreu súa nai e en decembro o seu marido. Aínda así, Vitoria repúxose para seguir servindo ao seu país. Iso si, dende ese momento ata a súa morte, en 1901, só vestiu roupa negra e case non apareceu en público, como símbolo do eterno loito polo seu home.

Como vemos, ante os ollos da historia, Vitoria foi unha raíña chave no seu país. En gran parte, esa grandeza debeuse ao seu carácter, que xa asomaba dende que era moi nova. Ademais, como se conservan moitos dos seus diarios, podemos ler o que pensaba en cada momento. Por exemplo, ese carácter do que falamos está presente neste fragmento, escrito o día que lle comunicaron que xa era raíña (recordemos que por aquel entón Vitoria tiña só 18 anos):
“Xa que a Providencia quixo colocarme neste posto, farei todo o posible para cumprir coa miña obrigación co meu país. Son moi nova e quizás me falte experiencia en moitas cousas, aínda que non en todas; pero estou segura de que non hai demasiadas persoas coa boa vontade e co firme desexo de facer as cousas ben que eu teño”.
Seguindo co tema do seu carácter, moita xente opina que Vitoria I tiña carácter de máis. De feito, por moitos comentarios que fixo e por como trataba os seus fillos, moitos din que non era unha boa nai. Por exemplo, Vitoria odiaba estar embarazada e cada vez que o estaba dicía que se sentía “como un coello ou como unha cobaia” e, ademais, consideraba que a lactación era unha práctica repugnante, chegando incluso a chamarlles “vacas” ás súas fillas cando amantaron os seus bebés. Pola contra, amosaba unha veneración excesiva polo seu home, e cando este morreu dixo, incluso, que non entendía por que marchara el e quedaran os seus fillos:
“Non atopo ningunha compensación na compaña dos meus fillos. É máis, poucas veces me encontro a gusto con eles. Pregúntome por que me deixou Alberte e eles continúan ao meu carón…”

Malia todo isto, Vitoria do Reino Unido foi, é e sempre será un piar na nosa cultura. Recordemos que, con só 18 anos, viuse á fronte dun grande Imperio que tiña unha opinión desmellorada da monarquía e o que fixo foi gañarse o seu respecto, restaurar a confianza e, por se fose pouco, continuar a ampliar o Imperio. De feito, o seu reinado caracterízase por ser un período de cambios que consolidou o Reino Unido como a primeira potencia da súa época. Creo que agora xa non nos quedarán dúbidas de por que este período se chama Era Vitoriana.
Laura López Riveira
BIBLIOGRAFÍA
Anécdotas (2011) Victoria de Inglaterra, esposa antes que madre [en liña] [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://anecdotas-historia.blogspot.com.es/2011/03/victoria-de-inglaterra-esposa-antes-que.html
BBC [en liña] Victorians [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.bbc.co.uk/history/british/victorians/
BBC Mundo (2013) Las delicias conyugales de la reina Victoria [en liña] [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.bbc.com/mundo/noticias/2013/01/130104_delicias_conyugales_de_una_reina_jbo
Biografías y vidas. La enciclopedia biográfica en línea [en liña]Victoria I de Inglaterra [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.biografiasyvidas.com/monografia/victoria_i/
González, B. (2016) Victoria de Inglaterra, la reina rebelde. MujerHoy [en liña] [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.mujerhoy.com/celebrities/realeza/201602/23/victoria-inglaterra-reina-rebelde-20160223115759.html
History [en liña] Queen Victoria [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.history.com/topics/british-history/queen-victoria
The home of the Royan Family [en liña] Victoria (r. 1837 – 1901) [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.royal.uk/victoria-r-1837-1901
IMAXES
Anécdotas (2011) Victoria de Inglaterra, esposa antes que madre [en liña] [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://anecdotas-historia.blogspot.com.es/2011/03/victoria-de-inglaterra-esposa-antes-que.html
Plume d’histoire [en liña] Victoria, L’apogée de l’Angleterre [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://plume-dhistoire.fr/reine-victoria-guy-gauthier/
Quién.net [en liña] Biografía de Victoria I de Inglaterra [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.quien.net/victoria-i-de-inglaterra.php
Biografías y vidas. La enciclopedia biográfica en línea [en liña] Victoria I de Inglaterra [Ref. do 26 de abril de 2017]. Dispoñible en: http://www.biografiasyvidas.com/monografia/victoria_i/