A EDUCACIÓN EN NOVA ZELANDIA

Bos e bonitos días a todos!

A estas alturas, é evidente que todos puidemos observar que Nova Zelandia é un país bastante peculiar. Por iso, como non podía ser menos, o seu sistema educativo non se ía quedar atrás. Particularmente, eu son unha persoa que sempre tivo especial curiosidade por saber como funciona a educación noutros países, sobre todo nos máis descoñecidos para min. Por iso, pretendo informarvos sobre como funciona dito sistema neste país e, desta maneira, acercarvos un pouco máis a el. Veredes que aínda que conta con aspectos moi semellantes ao noso sistema, Nova Zelandia posúe certas características neste ámbito que o fan un país especial e avanzado. Sen máis dilación, imos alá!

Para comezar cabe destacar que a maioría de escolas de Nova Zelandia son públicas, é dicir, dependen do Estado e non son relixiosas. Non obstante, existen outros dous tipos de escolas: as state-integrated schools, nas cales se deben pagar certas cotas pero que tamén dependen en certa medida do Estado e as private schools, as cales se basean nas taxas que deben pagar os pais e que seguen o seu propio programa de educación.

Pois ben, centrándonos na educación pública, o sistema educativo neozelandés estrutúrase en catro etapas: educación infantil, primaria, intermedia e secundaria. En xeral, os nenos deben acudir á escola, obrigatoriamente, dos 6 aos 16 anos de idade, pero a maioría comeza aos 5 anos.

early-childhood
© Education New Zealand 2017

En primeiro lugar, a educación infantil (ECE: Early childhood education) non é obrigatoria, porén, o 95% dos pais fan uso desta fase da educación. De feito, para esta etapa existen unha gran variedade de centros (Kindergarten, Playcentres, Education and Care Centres, Te Kohanga Reo, etc.). Ademais, entre os 3 e 5 anos de idade, os nenos poden ir á escola infantil durante 20 horas á semana de maneira gratuíta.

A esta etapa séguea a educación primaria. Esta é gratuíta e comprende oito cursos, desde os 5 ata os 12 anos. O primeiro ano é voluntario e os sete restantes son obrigatorios. Dentro desta etapa encontramos a educación intermedia, a cal se considera unha “ponte” entre a primaria e a secundaria. Ten lugar no 7º e 8º curso, é dicir, dos 11 aos 12 anos; ademais, esta educación adóitase impartir nos mesmos centros de primaria ou en centros intermedios especializados.

Por último, a educación secundaria está organizada en cinco cursos, desde os 13 aos 17 anos e tamén é gratuíta. Ademais, nos últimos anos desta etapa, tamén existen outras alternativas para os estudantes: Trades academies (comercio), Institutes of technology and polytechnics ou Industry training organisations (agricultura, construción, mecánica, etc.), entre outros.

class-1
© Education New Zealand 2017

Logo destas etapas, as principais opcións para continuar os estudos superiores son a formación profesional, que comprende ciclos formativos de grado superior e o ensino universitario, o cal é completamente autónomo xa que as universidades regúlanse por si mesmas. Cabe destacar que Nova Zelandia conta con 8 universidades financiadas polo Estado. Así mesmo, as titulacións das universidades clasifícanse en: graduado ou Bachelor, que pode obterse tras tres ou catro anos de estudo; máster ou Master’s Degree que, en xeral, é a continuación do anterior e dura 2 anos; e, por último, o doutorado, no cal existen tres tipos, os cales comprenden tres anos de estudo e investigación. Ademais, o organismo no que se asocian todas as universidades do país chámase Universities New Zealand. Por último, dicir que nesta etapa os estudantes deben pagar o 30% do costo dos seus cursos pero poden pedir un préstamo ao goberno para pagar cando teñan un soldo.

Todos os niveis de ensinanza que dependen do Estado seguen o programa de educación nacional (National Curriculum) o cal comprende as materias que se abarcan na educación primaria e secundaria así como as normas que deben seguir os estudantes. A estrutura da educación que acabamos de ver refírese á que se imparte en inglés, por iso, o programa que seguen é o New Zealand Curriculum.

Ata aquí non parece haber nada fóra do normal, non si? Puidemos observar que esta parte da estrutura do sistema educativo neozelandés é bastante semellante ao noso sistema educativo. Porén, hai unha curiosidade que fai que este país sexa diferente do resto, a cal é que en Nova Zelandia existen tres linguas oficiais: o inglés, o maorí e a lingua de signos neozelandesa. Por iso, non só importa o inglés, senón que o maorí tamén goza dunha gran relevancia dentro do campo da educación.

Para coñecer a historia e importancia do maorí dentro da educación debémonos remontar á década de 1940. Neses anos, moitos maorís emigraron ás grandes cidades de Nova Zelandia onde as novas xeracións creceron falando o inglés dos pākehā (os brancos de orixe europeo). Este feito fixo que o número de falantes nativos de maorí comezara a descender perigosamente ata que, na década de 1980, os líderes locais que estaban preocupados pola desaparición do seu idioma materno, crearan programas de inversión lingüística. Dentro destes destacou o movemento Kōhanga Reo, o cal involucraba desde os nenos dos xardíns de infancia ata os da educación primaria. Logo, este feito foi seguido pola fundación da Kura Kaupapa Māori, o programa de ensinanza escolar en maorí.

Pois ben, na actualidade o maorí está presente no sistema educativo neozelandés, mediante dúas opcións. En primeiro lugar, existe a Māori medium education (educación media maorí) a cal comprende as Kura Kaupapa Māori, escolas que ensinan en maorí e cuxa educación se basea na cultura e valores maorís. Estes centros son propiedade do Estado e están financiados por el e, ademais, baséanse no programa de educación nacional paras as escolas medias maorís, chamado Te Marautanga o Aotearoa. Así mesmo, moitas destas escolas son “centros compostos”, é dicir, comprenden a educación primaria e secundaria. En segundo lugar, o maorí está tamén presente nos centros non maorís que imparten a educación en inglés. Neles o maorí ensínase como materia ou a través de programas de educación bilingües ou de inmersión maorí.

Ademais, Nova Zelandia posúe tres Wānanga (institucións estatais de ensinanza e investigación maorís). Neles ensínase segundo āhuatanga Māori (a tradición maorí) e tikanga Māori (costumes maorís). Así mesmo, ofrecen certificados, diplomas e graos e algunhas incluso chegan ata o nivel do doutorado.

En conclusión, puidemos observar que o goberno de Nova Zelandia intenta darlle importancia a ámbalas dúas linguas. De feito, consideran que a loita pola supervivencia da  lingua maorí non só debe depender dos maorís, senón de todos os neozelandeses.

Para rematar, déixovos dous vídeos duns dos principais canles maorís existentes en Nova Zelandia. Por se tedes curiosidade, neles poderedes escoitar como soa a lingua maorí.

Espero que vos gustase moito a miña entrada e que aprenderades un pouco máis sobre este país tan especial.

Moitas grazas por lerme e ata outra!

Ana Vázquez

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Ministry of Education, Education in New Zealand [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://education.govt.nz/framework/main.php/?url=/ministry-of-education/

Ministry of Education, Tau Mai Te Reo – The Māori Language in Education Strategy 2013-2017 [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://education.govt.nz/ministry-of-education/overall-strategies-and-policies/tau-mai-te-reo-the-maori-language-in-education-strategy-2013-2017/

New Zealand Education, Education System [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.studyinnewzealand.govt.nz/why-nz/education-system

New Zealand Now, The school system [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.newzealandnow.govt.nz/living-in-nz/education/school-system

IMAXES

New Zealand Education, Education System – Early childhood [última consulta o 27 de abril de 2017] Dispoñible en: https://www.studyinnewzealand.govt.nz/why-nz/education-system

New Zealand Education, Find a scholarship [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.studyinnewzealand.govt.nz/how-to-apply/scholarships

VÍDEOS

KiriOnLine – Dame Kiri Te Kanawa (Maori Television), (16/01/2016). Kiri Te Kanawa – NZ Opera School Maori News Report (English Subtitles). [vídeo]. [última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=NXeRsiPFwYE

Te Karere TVNZ (3/12/2009). Maori speaking Te Reo has increased in Oz but decreased in NZ. [vídeo][última consulta o 27 de abril de 2017]. Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=ZFhbJxbJA70

Advertisement

2 comentarios en “A EDUCACIÓN EN NOVA ZELANDIA

  1. Moitas grazas polo teu comentario Andrea! A verdade é que sí, en xeral todas as linguas son importantes xa que enriquecen a nosa cultura e sociedade, por iso eu creo que é necesario loitar por elas. Un saúdo!

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s