Nova Celandia: un país cheo de riqueza natural

Estou segura de que todos lestes algunha vez algún artigo dun sitio web que destacaba a curiosa fauna e flora de Australia, verdade? Ben, pois creo que vai sendo hora de que descubrades outro país de Oceanía que, malia non ser tan destacado polos medios de comunicación, está repleto de animais e prantas que vos van encantar! Listos para aprender moitas cousas novas e xeniais?

O primeiro do que vos vou escribir é a fauna, principalmente a terrestre.

Cando Nova Celandia non estaba ocupada polos humanos, había tal cantidade e variedade de paxaros no país que debía ser un lugar realmente ruidoso. Estes foron evolucionando e a algúns desaparecéronlles as ás, pois non tiñan depredadores dos que fuxir.

Moa.Wikipedia
Reconstrución dunha moa (imaxe collida de  wikipedia.org)

 

Huia_Buller
Reconstrución dunha huia (imaxe collida de  wikipedia.org)

A medida que os maoríes e os europeos se foron asentando no país, comezaron a cazar paxaros e levaron tamén depredadores (as ratas, por exemplo). Isto, xunto coa desaparición de espazo natural para os animais, provocou a extinción dun gran número de especies como a moa ou a huia.

A pesar do asentamento humano no país, aínda existe hoxe en día unha gran variedade de animais, especialmente de paxaros. De feito, o animal nacional por excelencia é o kiwi. Este é un paxaro nocturno que, a pesar de ter ás, son pequenas. Pertence a ese grupo de aves que deixaron de voar por non ter depredadores dos que fuxir; neste caso, os seus ósos teñen medula no canto de ser ocos para aforrar peso e facilitar o voo. Ademais, é a única ave cuxos orificios nasais están situados ao final do seu longo pico. Úsanos para rastrear polo chan e comer animais invertebrados ou froitos que caeron ao chan.

kiwi_cub
Kiwi (©2017 Naturaleza Curiosa, Curiosidades, cosas interesantes, animales, plantas, historias, fotos y vídeos de la naturaleza que nos rodea)

Os kiwis viven normalmente nos bosques e aproveitan a luz do día para facer os seus niños debaixo da vexetación máis densa. As femias son máis pesadas e altas ca os machos (poden chegar a pesar máis de 3 quilogramos e medir ata 45 centímetros). Dependendo da especie, viven entre 25 e 50 anos, polo que teñen unha vida bastante longa en comparación con outros animais.

Segundo o Departamento de Conservación de Nova Celandia, quedan arredor de 68.000 kiwis no país. Actualmente, esta ave está en perigo de extinción, pois cada ano pérdese un 2% da cantidade total de kiwis (20 por semana). Por este motivo, en 1991, o Banco de Nova Celandia xuntouse co Departamento de Conservación do país para desenvolver un proxecto que axudase á conservación do kiwi. Xuntos, crearon o “Kiwi Recovery Programme”. No 2012, esta asociación xuntouse con “Kiwis for kiwi”, unha organización benéfica que se encarga de recaudar fondos para proxectos que axuden á conservación do kiwi. Xuntos crearon o “BNZ Save the Kiwi Trust” e levan recaudados máis de 7 millóns de dólares.

bnzsavethekiwi.jpg
Logo do proxecto “BNZ Save The Kiwi Trust” (imaxe collida de  tutukakalandcare.org.nz)

Posto que existen moitos máis animais interesantes en Nova Celandia ademais do kiwi, déixovos aquí un enlace no que podedes ver datos curiosos sobre este animal e todo o traballo que as asociacións fan para a súa conservación e difusión por todo o mundo. Podedes incluso escoitar o seu canto! Recoméndovolo totalmente, xa que é sorprendente a cantidade de proxectos que se levan a cabo para conservar un animal que os neozelandeses consideran moi importante para eles e a súa cultura. Aquí volo deixo!: Department of Conservation-Kiwi

Mentres buscaba información sobre outros animais para ensinarvos, atopei un que realmente me chamou a atención: o loro kākāpō. Este paxaro está nunha situación realmente crítica: consérvanse menos de 160 exemplares en todo o país!

Este paxaro, como o kiwi, é nocturno e non pode voar. A pesar disto, é un experto en escalar árbores, o que o fai aínda máis sorprendente porque é o loro máis pesado do mundo (pode chegar a pesar ata 2 quilogramos). Mantense a base de follas, raíces e froitos. Posto que pode chegar a almacenar grandes cantidades de enerxía coa graxa do seu corpo, pode chegar a andar ata 1 quilómetro nunha soa noite.

O loro kākāpō pode vivir durante décadas. Sorprendentemente, non ten moito en común con outros loros; de feito, ten unha combinación de características biolóxicas que non comparte con ningún outro animal. É o único representante da subfamilia á que pertence (Strigops habroptila). Antigamente tiña un depredador, a aguia xigante (probablemente por este motivo se volveu nocturno), e a súa estratexia para defenderse era quedar inmóbil, como se estivese conxelado. Hoxe en día, usa a camuflaxe como forma de defensa.

información-sobre-el-kakapo-2-500x375
Loro kākāpō (Información sobre animales Copyright © 2017)
kakapo
Camuflaxe dun loro kākāpō (Información sobre animales Copyright © 2017)

 

 

 

 

 

 

Elixín falarvos de paxaros por ser animais cunha presenza importante en Nova Celandia. Non obstante, pódense atopar moitos máis. Por iso, se algunha vez tedes a sorte de visitar o país e vos apetece descubrilos, vouvos mencionar algúns parques nacionais onde poderedes gozar da natureza e… quen sabe que animais vos podedes atopar?

  1. Parque Nacional de Tongariro

O Parque Nacional de Tongariro, con máis de 80.000 hectáreas de terreo, foi entregado ao xefe maorí Te Heutheu Tukino IV en 1887. É un lugar cunha gran diversidade, pois podemos atopar dende lagos cor esmeralda ata os tres volcáns máis grandes da illa Norte. De feito, no 2012, o volcán Mount Tongariro entrou en erupción. Aínda así, isto non evita que moitas persoas esquíen na ladeira da montaña e escalen ata os cráteres.

mt-tongariro.jpeg
Mount Tongariro, que entrou en  erupción no ano 2012 (copyright©  nationalpark.co.nz)
hike
Lago no parque de Tongariro (copyright© nationalpark.co.nz)

 

2. Parque Nacional de Whanganui

O Parque Nacional de Whanganui está situado no centro da illa Norte e foi creado para protexer o río que o cruza (río Whanganui), que foi unha ruta importante para os maoríes e os primeiros europeos do país. O seu traxecto (290 quilómetros) aprovéitase hoxe en día para facer actividades con kayaks e canoas. A terra que rodea o río está chea de paxaros nativos.

bridge-to-nowhere-1200.jpg
Ponte no parque de Whanganui (Crown copyright ©)
canoe-whanganui-1200.jpg
Canoa no río Whanganui (Crown copyright ©)

A pesar de que vos dixen que ía falar tan só de animais terrestres de Nova Celandia, pareceume unha boa idea deixarvos por aquí algunhas fotos de animais mariños curiosos:

green-turtle-pki-marine-reserve223
Tartaruga verde (Crown copyright ©)
whale-shark-351.jpg
Tiburón balea, o máis largo do mundo (Crown copyright ©)

 

 

 

 

 

 

 

sea-krait565
Serpe de mar (Crown copyright ©)

Se algún de vós está interesado na vida mariña de Nova Celandia (pois é bastante exótica), déixovos aquí un enlace no que aparecen historias sobre animais mariños e réptiles (tan só tedes que facer clic nas palabras subliñadas).

Agora que xa lle botamos unha ollada á fauna de Nova Celandia, toca aprender sobre a flora!

O 80% da flora de Nova Celandia é nativa e evolucionou ao largo de millóns de anos. Segundo a páxina do goberno de Nova Celandia, un 10-15% do país está cuberto de flora nativa.

A primeira árbore da que vos vou falar é a faia. A faia é moi común en Nova Celandia e xoga un papel bastante importante para outras árbores.

Normalmente, as sementes da faia espállanse cada 4 ou 5 anos, aínda que un verán caluroso xunto cun máis temperado pode levar a unha floración masiva de faia. Cando isto ocorre, prodúcese un gran aumento do número de ratos durante o inverno. Unha rata pode ter ata 10 crías cada oito semanas. Unha vez que as sementes desaparecen, estes ratos usan aos paxaros nativos como comida. No 2014 e o 2016, produciuse este fenómeno, o que levou ao goberno a levar a cabo un proxecto chamado “Battle for our Birds national pest control programme” (se facedes clic podedes dar con información sobre o mesmo).

Ademais disto, hai un tipo de fungo (coñecido como mycorrhizae) que mantén unha relación de beneficio mútuo coas faias: vive nas raíces das árbores e de aí colle azucres, mentres que a faia absorbe os minerais que o fungo transportou dende o solo que a rodea.

beech-forest-565.jpg
Bosque de faia (Crown copyright ©)

 

Outra árbore que me parecía importante mencionar é o kauri. É unha árbore endémica da illa Norte e unha das máis grandes do mundo (non pola altura, senón polo ancho do tronco). Durante o século XIX estivo a piques de desaparecer pola tala masiva por parte dos europeos (usábase para construír barcos, casas e mobles). Actualmente, os kauris que sobreviven están repartidos en pequenos bosques. Para preservalos, aqueles que desexen entrar nas zonas protexidas nas que se atopan deben seguir algunhas normas:

  1. Limpar ben o calzado cuns cepillos que atopas xa na zona.
  2. Desinfectar o calzado para que quede totalmente limpo.
  3. Non pisar as raíces nin a base dos kauris, pois son extremadamente fráxiles.

 

Kauris-3.jpg
Regras para entrar nunha zona con kauris (© 2015 Fotografiando Viajes- blog de viajes, buceo y fotografía)
Kauris-1.jpg
Tronco dun kauri (Copyright © 2015 Fotografiando Viajes- Blog de viajes, buceo y fotografía)

 

Ata aquí esta entrada! Espero que aprendésedes moito e que vos gustase. Por se algún día vos apetece descubrir en persoa toda a fauna e flora de Nova Celandia, déixovos unha última foto que marca todos os parques nacionais do país.

Ka kite anō!

nz-tourism-nationalparks-map
©Portal Oceania.com

Xiana Vázquez Bustelo

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

100% Pure New Zealand. New Zealand Plants and Animals. [Consultado o 07/03/17]

http://www.newzealand.com/ie/feature/new-zealand-flora-and-fauna/

Department of Conservation. Kiwi. [Consultado o 07/03/17]

http://www.govt.nz/nature/native-animals/birds/birds-a-z/kiwi/

Department of conservation. Kakapo. [Consultado o 07/03/17]

http://www.govt.nz/nature/native-animals/birds/birds-a-z/kakapo/

100% Pure New Zealand. Tongariro National Park. [Consultado o 07/03/17]

www.newzealand.com/ie/feature/national-parks-tongariro/

100% Pure New Zealand. Whanganui National Park. [Consultado o 07/03/17]

www.newzealand.com/int/feature/national-parks-whanganui/

Department of Conservation. Stories about marine fish and reptiles. [Consultado o 07/03/17]

http://doc.govt.nz/nature/native-animals/marine-fish-and-reptiles/stories/

Department of Conservation. Beech forest. [Consultado o 07/03/17]

http://www.doc.govt.nz/nature/native-plants/beech-forest/

Department of Conservation. Battle for our birds. [Consultado o 07/03/17]

http://www.doc.govt.nz/our-work/battle-for-our-birds/

Department of Conservation. Kauri. [Consultado o 07/03/17]

http://doc.govt.nz/nature/native-plants/kauri/

Fotografiando Viajes. Kauri Coast, donde viven los árboles más grandes de Nueva Zelanda. [Consultado o 07/03/17]

http://fotografiandoviajes.com/2016/03/kauri-bosque-Waipoua-Trounson.html

IMAXES

Reconstrución dunha moa. Wikipedia, la enciclopedia libre.

https://en.wikipedia.org/wiki/Moa#/media/File:Megalapteryx.png

Reconstrución dunha huia. Wikipedia, la enciclopedia libre.

https://es.wikipedia.org/wiki/Heteralocha_acutirostris

Kiwi. Naturaleza curiosa.

http://www.naturalezacuriosa.com/el-kiwi-un-ave-con-bigotes-y-sin-alas/

Logo do proxecto “NBZ Save The Kiwi Trust”. Tutukaka Landcare Coalition.

http://tutukakalandcare.org.nz/articles/12-bnz-operation-nest-egg

Loro kakapo. Información sobre animales.

http://soloanimales.com/informacion-sobre-el-kakapo

Camuflaxe dun loro kakapo. Información sobre animales.

http://soloanimales.com/informacion-sobre-el-kakapo

Lago no parque de Tongariro. National Park Villages.

http://nationalpark.co.nz/

Mount Tongariro. National Park Villages.

http://nationalpark.co.nz/

Canoa no río Whanganui. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/parks-and-recreation/places-to-go/manawatu-whanganui/places/whanganui-national-park/

Ponte no parque de Whanganui. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/parks-and-recreation/places-to-go/manawatu-whanganui/places/whanganui-national-park/

Tiburón balea, o máis grande do mundo. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/nature/native-animals/marine-fish-and-reptiles/sharks-mango/whale-shark/

Tartaruga verde. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/nature/native-animals/marine-fish-and-reptiles/sea-turtles/

Serpe de mar. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/nature/native-animals/marine-fish-and- reptiles/sea-snakes-and-kraits/

Bosque de faia. Department of Conservation.

http://www.doc.govt.nz/nature/native-plants/beech-forest/

Tronco dun kauri. Fotografiando Viajes.

http://fotografiandoviajes.com/2016/03/kauri-bosque-Waipoua-Trounson.html

Regras para entrar nunha zona con kauris. Fotografiando viajes.

http://fotografiandoviajes.com/2016/03/kauri-bosque-Waipoua-Trounson.html

Mapa de parques nacionais. Portal Oceanía.

http://www.portaloceania.com/nz-tourism-nationalparks-esp.html

 

 

 

 

 

 

Advertisements

4 comentarios en “Nova Celandia: un país cheo de riqueza natural

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s