OS HOOLIGANS NO REINO UNIDO

O Reino Unido é un lugar coñecido por moitos motivos e o fútbol é un deles. Os seus habitantes inventaron este deporte e estendérono por todo o mundo, de xeito que se considera o “deporte rei” na actualidade. Mais, a pesar de todo, existe tamén un lado “escuro” do fútbol: o lado da violencia e o vandalismo, ou máis ben do hooliganismo, algo que tamén está presente na nosa contorna. Porén, voume centrar hoxe só no que se refire ao Reino Unido e vou tentar explicar o concepto, falar un pouco da súa historia e dar unha breve descrición dos grupos máis importantes.

e8cddaad0da44d9b42c57dee271e90dc
(1) Seareiros apoiando a Inglaterra.

En primeiro lugar é interesante explicar de onde vén o termo hooligan. Hai moitas teorías sobre a súa orixe, pero unha que semella estar moi estendida é a que conta que a palabra comezou a usarse por un personaxe de orixe irlandesa chamado Patrick Hoolihan (ou Hooligan) que viviu nun barrio londiniense a finais do século XIX e que se dedicaba a beber, roubar, montar liortas e facer todo tipo de falcatruadas. Esta nomenclatura (hooligan) estendeuse rapidamente e comezou a aplicarse a todos os individuos que amosaban unha conduta semellante á de Patrick.

Mais onde se empregou (e emprégase) moito é no fútbol, para chamar a eses grupos de seareiros radicais, normalmente de clase baixa ou en risco de exclusión social, que perden a cabeza  polo seu equipo e adoitan montar sempre unha boa lea (ou algo peor). Normalmente os membros son polo xeral homes mozos (aínda que tamén poden ser mulleres) e responden a un código de conduta, de estilo e de ideoloxía común (skinheads, neonazis, extrema esquerda…). Estes grupos ou bandas reciben o nome de firms, gangs, crews ou casuals en inglés e o seu propósito principal é alentar e defender a reputación do seu equipo a morte fronte aos membros doutros grupos (xa sexa mediante insultos, violencia ou vandalismo), polo que a miúdo teñen conflitos coa policía. Tamén adoitan quedar con bandas rivais en lugares establecidos antes ou despois dos partidos para pelexar, aínda que as situacións de máxima tensión danse cando se xogan os derbies (partidos entre equipos da mesma cidade ou que teñen unha rivalidade histórica), en que se producen as escenas máis violentas.

descarga
(2) Grupo de afeccionados ingleses nun enfrontamento coa policía.

Xa antes de que se empezaran a fundar os primeiros clubs profesionais de fútbol, estes individuos protagonizaban actos vandálicos e disturbios por todo o Reino Unido. Pero sen dúbida, a época dourada do hooliganismo foi a segunda metade do século pasado, onde estes seareiros comezaron a desprazarse a outras cidades para ver os partidos. Producíase cada ano unha media de máis de 25 altercados importantes entre afeccións e incluso se chegou a falar do British Disease en referencia a este problema.

Soccer - Football League Division One - Chelsea v Middlesbrough - 1983
(3) Afeccionados do Chelsea invadindo o terreo de xogo.

Como exemplo, vou contar un suceso que é posible que xa coñezades. Non é outro que a  traxedia de Heysel. Todo aconteceu o 29 de maio de 1985 no estadio Heysel de Bruxelas, Bélxica. Disputábase a final da antiga Copa de Europa entre o Liverpool e a Juventus de Turín, os dous grandes equipos do momento. Ían acudir unhas 60.000 persoas ao estadio, de xeito que cada afección tiña asignada unha parte das bancadas e deixábase un espazo nun lateral para os afeccionados locais que quixesen ver o partido. O problema foi que tanto italianos como ingleses ocuparon ese espazo, de maneira que as afeccións estaban moi próximas entre si e a traxedia era xa inevitable.

Unha hora antes do comezo do partido un grupo de ingleses deuse conta da situación e invadiu o espazo dos italianos, lanzando obxectos e cargando contra eles. Os seguidores da Juventus recuaron rapidamente, mais quedaron atrapados contra un muro e un valado que separaba esa parte do estadio. Sen poder saír e esmagados polos ingleses e polos seus mesmos compañeiros, moitos perdían a vida mentres afeccionados doutras partes do estadio saltaban ao campo para defender os seus. A policía interveu para controlar a situación, mais xa era tarde. As vítimas deste fatídico suceso ascenderon a 39 mortos (32 deles italianos) e máis de 600 feridos. A pesar disto e cos cadáveres dos afeccionados aínda visibles nunha beira do campo, decidiuse xogar o partido e o resultado final foi de 1-0 a favor dos italianos. As repercusións da desgraza foron o encarceramento de 14 seareiros do Liverpool e a prohibición de xogar en Europa durante 5 anos para os clubs ingleses.

heysel_2
(4) Consecuencias da traxedia de Heysel.
Heysel Stadium Disaster
(5) Enfrontamentos en Heysel.

Tanto esta traxedia como outras, véxase a de Valley Parade (onde unha grada comezou a arder e morreron 56 persoas) ou a famosa traxedia de Hillsborough (protagonizada outra vez pola afección do Liverpool, onde morreron 96 persoas nunha avalancha humana), a pesar de non estar provocadas directamente por actos violentos, levaron ao goberno británico (encabezado por Margaret Thatcher) a tomar decisións ao respecto para mellorar a seguridade dos estadios e intentar controlar o hooliganismo. Deste xeito, a situación “normalizouse” dende os noventa, aínda que os hooligans seguen a estar moi activos no Reino Unido, sen chegar ata os extremos que mencionei antes.

hillsboroughdeaths
(6) Escena da traxedia de Hillsborough.

Vou falarvos agora brevemente das firms ou grupos hooligan máis importantes do país e tamén amentar algunhas das súas rivalidades.  Un dato relevante é que dada a competitividade da liga inglesa e o feito de que haxa varios equipos dunha mesma cidade, é normal que se xoguen derbies con frecuencia e que exista moita tensión. Tamén hai que destacar que a reputación dunha afección non ten que ver coa calidade dun equipo, é dicir, un club pode ter un fútbol mediocre e posuír unha afección moi respectada e viceversa. Por exemplo, os londinienses West Ham United e Millwall, (equipos modestos do fútbol inglés), teñen uns dos mellores seareiros (a InterCity Firm e os Bushwakers respectivamente) e entre eles existe unha rivalidade das máis coñecidas do país. Os hooligans do Liverpool, os Urchins, tamén son moi respectados e un dos seus máximos rivais é o Chelsea, que conta cos Headhunters. O derby de Manchester entre o Man. United e o City tamén é moi coñecido, de xeito que o Red Army e os Guvnors (as súas respectivas firms) teñen moita sona.  As afeccións doutros equipos como o Tottenham (Yid Army), o Burnley  (Suicide Squad), o Birmingham (Zulu´sou o Newcastle (Gremlins) son tamén bastante respectadas. Como vedes, son todos nomes moi amigables.

Tamén cómpre mencionar a existencia de firms en Escocia e Gales como a Celtic Soccer Crew (Celtic), os Rangers ICF (Glasgow Rangers) ou a Soul Crew (Cardiff City).

2
(7) Red Army, a firm do Manchester United.

Á marxe, unha curiosidade é que algunhas destas bandas, despois de armar unha lea ou esnaquizar algún pub, adoitan deixar tarxetas de visita para mofarse dos seus rivais.

tarxeta-de-visita
(8) Tarxeta de visita da IFC.

Xa para finalizar, gustaríame dar a miña modesta opinión sobre o asunto. Eu, como amante do fútbol e seareiro dun equipo que viste de celeste (e que non é o Manchester City), considero que a existencia destes grupos neste deporte non ten por que ser negativa, se se limitan a apoiar os seus equipos e a defender as súas cores, sen chegar nunca á violencia. Outro tema sería xa o das súas orientacións políticas, algo que non é pertinente comentar nesta entrada. Á marxe disto, paréceme correcta a decisión que tomou o goberno británico para controlar dalgún xeito o fenómeno hooligan, xa que a situación comezaba a ser un caos. O certo é que o fútbol é un xogo, un deporte e, aínda que moitos teñamos os nosos equipos no corazón, ninguén debería ter que morrer por este motivo.

Agardo sinceramente que esta entrada vos parecese interesante (gústevos o fútbol ou non) e que descubrísedes algún aspecto novo deste tema, que non deixa de ser unha parte máis da cultura británica.

Iago Nicolás Ballesteros

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

The Story of Hooligan Britain. The Firms. (n.d.) [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: http://thefirms.co.uk/

Football Hooligans (n.d.) [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: http://football-hooligans.org/uk-hooligans.html

Inter City Firm. Casuals Boys (23 de decembro, 2010) [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: http://casualboys10.blogspot.com.es/2010/12/inter-city-firm.html

Brewin, J. (4 de febreiro, 2015). Hooliganism in England: The enduring cultural legacy of football violence. ESPN FC [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: http://www.espnfc.com/blog/espn-fc-united-blog/68/post/2193850/hooliganism-in-england-the-enduring-cultural-legacy-of-football-violence

Kelly, C. (13 de setembro, 2012). Hillsborough Stadium Tragedy a terrible, instructive lesson. The Star. [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: https://www.thestar.com/sports/soccer/2012/09/13/kelly_hillsborough_stadium_tragedy_a_terrible_instructive_lesson.html

Vulliamy, E. (27 de maio, 2015). Heysel stadium disaster:`I saw de rows of bodies piled high´. The Guardian. [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: https://www.theguardian.com/football/2015/may/27/heysel-stadium-disaster-30th-anniversary

The Merriam Webster´s Dictionary (2017) [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de: https://www.merriam-webster.com/dictionary/hooligan

Oliveros, I. (8 de abril, 2013). ‘Dama de Hierro’ contra la violencia en el fútbol inglés: Thatcher y su lucha contra los ‘hooligans’. Biobio Chile [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2017, de:  http://www.biobiochile.cl/noticias/2013/04/08/dama-de-hierro-contra-la-violencia-en-el-futbol-ingles-tatcher-y-su-lucha-contra-los-hooligans.shtml

IMAXES

(1) Furlong, C. [Imaxe] Getty Images. [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de: http://www.gettyimages.es/

(2) [Imaxe] [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de: http://www.espnfc.com/blog/espn-fc-united-blog/68/post/2193850/hooliganism-in-england -the-enduring-cultural-legacy-of-football-violence

(3) [Imaxe] Press Asotiation images [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de: https://www.paimages.co.uk/

(4) Robinson, P. [Imaxe]  Press Asotiation images [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de: https://www.pressassociation.com/

(5) [Imaxe] Assotiated Press [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de:  https://www.ap.org/en-gb/

(6) Cannon, D. [Imaxe] Getty Images [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de:   http://www.gettyimages.es/

(7) [Imaxe] Getty Images [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de:    http://www.gettyimages.es/

(8) [Imaxe] [En liña]. Recuperado o 6 de marzo 2011, de:  http://football-hooligans.org/westham-intercityfirm-hooligans.html

Advertisements

10 comentarios en “OS HOOLIGANS NO REINO UNIDO

  1. Ola Iago!
    Paréceme unha entrada moi interesante e orixinal pois non coñecía os feitos dos que falas. É certo que non son afeccionada ó fútbol así que non estou moi o día dos conflitos que existen entre os diferentes equipos, pero isto sáese do ámbito deportivo e alcanza xa o nivel de problema social. Unhas verdadeiras traxedias que oxalá non se volvan repetir.

    Liked by 1 person

    • Ola Alba!
      Alégrome moito de que che interesase a entrada. A verdade é que este tema é algo do que non se fala moito e ás veces incluso intenta ocultarse. Por outra parte, malia que na actualidade a situación estea máis controlada (polo menos no Reino Unido), é importante non esquecer o pasado para evitar outras traxedias no futuro, tal e como dis ti. Un saúdo!

      Gústame

  2. Ola Iago!
    Pareceume un entrada moi interesante, xa que non coñecía os feitos dos que falaches na túa entrada. Certo é que non me apasiona o fútbol e moito menos se ocorren estas traxedias, porque aínda que non o creamos esto non se trata dunha rivalidade entre dous equipos, senón un problema a nivel social. Un saúdo!

    Liked by 1 person

    • Ola Andrea!
      Paréceme xenial que che interesase esta entrada e que aprendeses con ela. A verdade é que eu tampouco coñecía enteiramente moitos dos feitos que explico arriba, e estou completamente de acordo contigo. A rivalidade é unha cousa e a violencia sen medida é outra. Ogallá chegue o día en que non teñamos que comentar ningún acto deste tipo. Un saúdo! 🙂

      Gústame

  3. Iago me ha parecido muy interesante tu entrada. Sabía que los hooligans eran peligrosos pero no tanto, y además ha sido entretenida por las historias que has contado. Te felicito!

    Liked by 1 person

    • Ola Carla! Moitas grazas polo teu comentario. Alégrome de que aprenderas coa entrada e que che parecese entretida. Xa sabes, se vas a Reino Unido algún día e hai partido ten coidado! 🙂

      Gústame

  4. Muy interesante, a mí no me apasiona el fútbol y aún así lo has expuesto de forma que resulta ilustrador leerlo.
    No puedo entender cómo se puede llegar a la violencia por “defender” los colores de un equipo al que, además, nada de lo que haga un aficionado le importa ni interesa.
    En mi caso, ni siquiera en los deportes que sí me apasionan me involucro así, si el deportista o equipo que te gusta pierde es simplemente porque no ha jugado bien o el contrincante se ha esforzado más o mejor. Lo importante es ver buen fútbol, buen tenis o buen lo que sea, gane quien gane.
    Creo que esta clase de altercados son simplemente estallidos de violencia que usan el deporte como excusa para dejarse llevar por la barbarie. Si no estuviese el deporte, encontrarían cualquier otro pretexto para golpear y maltratar.

    Liked by 1 person

    • Ola Christian! Moitas grazas polo comentario. Está claro que calquera equipo (sexa do deporte que sexa) quere ter unha afección que o apoie en cada momento, pero como dis ti, non ten sentido empregar a violencia para facelo, por moito sentimento que haxa detrás.
      Tamén estou de acordo contigo en que moitos destes grupos utilizan o fútbol como pretexto para desenvolver estas actividades, algo que ao meu ver só ensucia este deporte. Un saúdo!

      Gústame

  5. Ola! Encantóume a tua entrada! Como afeccionada ao futbol que son (e casualmente este domingo acudin a un derbi) paréceme que é unha información moi interesante e necesaria de dinfundir co fin de crear conciencia. Oxalá estes partidos que tanto nos encantan non queden nubrados por eses episodios. Grazas! 🙂

    Liked by 1 person

  6. Ola Ana! Moitas grazas pola túa opinión, alégrome moito de que che gustase a entrada. Estou completamente de acordo contigo (de feito eu tamén fun ver o derbi 😉 ) e penso que no fútbol a rivalidade nesta clase de partidos non é algo negativo para nada, se sabemos levala sen violencia. Un saúdo e a seguir defendendo as cores polas terras do norte! 🙂

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s