A CULTURA MAORÍ… QUE BONITA É!

Agora que xa estamos familiarizados coa lingua dos maorís (en termos básicos) chegou o momento de coñecer un pouco máis a cultura que vai da man de tan marabilloso idioma.

Conta unha das lendas sobre a creación de Nova Zelandia que o semideus Māui, canso de que seus irmáns non o levasen a pescar con eles, trenzou unha tanza encantada e fabricou un anzol máxico cun óso de mandíbula primixenio que lle fora entregado polo seu antepasado Murirangawhenua.

maui-the-hawaiian-demigod-thomas-christian-wolfe
(1) Maui the Hawaiian Demigod © 2013 Thomas Christian Wolfe

 

Escondido na canoa de seus irmáns, Māui agardou a que estivesen lonxe da costa para sair do seu escondite. A modo de desculpa, ofreceulles ós seus irmáns recitar un karakia (encantamento), que aseguraría que capturasen máis peixes ca nunca. Despois de seus irmáns teren a mellor captura da súa vida, Māui lanzou o anzol, empapado no seu propio sangue, pola borda mentres recitaba outro encantamento.

Algo mordeu o anzol e, tras unha loita embravecida, das profundidades do océano saíu o peixe máis grande que ningún tiña visto. Māui pedíulles ós seus irmáns que vixiasen o peixe mentres el ía buscar á xente da súa tribo para mostrarlles a captura. Pero os irmáns eran avarentos e comezaron a cortar o peixe para reclamar cadansúa parte. Estes destrozos pasaron, co tempo, a converterse nas montañas, ríos, lagos e acantilados da illa norte de Nova Zelandia.

O nome que se lle deu orixinariamente ó peixe (que representa a Illa Norte) foi Aotearoa, que significa terra da gran nube branca, como xa vimos en entradas anteriores, pero este termo é utilizado na actualidade para designar o país enteiro.

shape
(2) Aotearoa / New Zealand (NEMP Otago, 2001)

Os maorís aínda coñecen a Illa Norte co nome de Te Ika a Māui (o peixe de Māui), a Illa Sur co nome de Te Waka a Māui (a canoa de Māui) e a Illa Stewart ou Rakiura co nome de Te Punga a Māui (a áncora de Māui).

A filosofía maorí é moi diferente da filosofía pakeha (non maorí), e está baseada no principio de i nga wa o mua que literalmente quere dicir dende os tempos que virán, pero que significa pasado. O que trata de transmitir é a idea de que levamos o pasado diante, guiándonos a través da experiencia persoal, mentres que o futuro levámolo ás costas, escuro e misterioso.

Este modo de entender a vida segue sendo moi importante para os maorís que viven en Nova Zelandia e o mellor lugar para coñecelo de cerca é un marae.

O marae é o terreo sagrado sobre o que se sitúan diferentes edificios que son relevantes para a cultura maorí e para as súas tradicións. Cada iwi (tribo), hapū (sub tribo) ou whānau (familia), ten a súa propia marae.

marae.jpg
(3) wharenui © 2016 Fairfax Media

Dentro do marae temos o wharenui ou casa de reunión, que é normalmente o edificio máis grande. Emprégase para debater asuntos de gran relevancia, celebrar as ocasións especiais e pasar xuntos os tempos difícilesOs wharenui non só levan o nome dun antepasado da familia, senón que están feitos para representar simbolicamente a esa persoa.

partes-marae
partes dun wharenui

O tekoteko representa a cabeza, os maihi son os brazos abertos en sinal de benvida, as columnas a cada lado (amos) representan as pernas, e o tahuhu representa a columna vertebral. No interior do wharenui pódense atopar representacións de antepasados doutras tribos, o que fai que as maraes sexan lugares sagrados de protección, paz e harmonía.

whare kai.jpg
(4) Whare kai (Jeremy Salmond, 1976)

Dentro do marae tamén podemos atopar o whare kai ou comedor, que é a estancia na que se satisfai o ser interior, é dicir, onde se come.

urupa-TeAhitainga1-1-888x592.jpg
(5) Te Ahitainga urupa (Rangitane education, 2015)

Os maraes contan tamén con baños e bloques de duchas, e adoitan ter o seu propio cemiterio, ou urupa, que achega os antepasados á comunidade e os converte nunha dimensión activa da vida diaria.

Cando un manuhiri (visitante) vai por primeira vez a un marae, os tangata whenua (xente da terra) realizan unha cerimonia de benvida coñecida como pōwhiri (ou pohiri nalgúns lugares). Esta cerimonia orixinariamente constaba de dez elementos: xente (como mínimo dúas mulleres e dous homes), oracións para asegurar que a cerimonia sairía ben, desafíos que os mellores guerreiros da tribo debían levar acabo para descubrir as intencións dos visitantes, a chamada ós antepasados para asegurar a protección dos manuhiri, unha danza de benvida, discursos dados polos expertos oradores da tribo, cancións para louvar os discursos, entrega de regalos dos visitantes ós tangata whenua, o saúdo tradicional (hongi) e finalmente un banquete.

Hoxe en día o pōwhiri non ten tantos pasos, e só consta de discursos, bailes, cancións e o hongi. Soamente en ocasións moi especiais se realiza a cerimonia completa (ou case completa) para honrar ós visitantes e turistas.

800px-powhiri_usaf
(6) Saúdo Hongi durante o powhiri (USAF photographic archives)

O hongi é a parte máis importante do pōwhiri xa que se trata do primeiro contacto físico entre un tangata whenua (persoa da terra) e un manuhiri (visitante). No hongi, o ha ou alento de vida é traspasado dunha persoa a outra, mesturándose e intercambiándose, e simboliza a transición de manuhiri a tangata whenua.

A suma de tódolos costumes e tradicións que os maorís herdaron dos primeiros habitantes das illas chámase tikanga. O tikanga é difícil de definir xa que ten significados diferentes en función da persoa, pero a grandes trazos podería describirse como o xeito de ser maorí. Hoxe en día, debido á mistura de culturas que hai en Nova Zelandia, o tikanga representa tamén algúns costumes occidentais que foron levados ás illas polas misións de exploración.

tosh_values
(7) Core Maori Values and Principles (Susan J. Wake e Tosh Graham, 2015)

Destes valores ou principios, destacan o manaakitanga e o kaitiakitanga.

O manaakitanga refírese á hospitalidade e á amabilidade. Os maorís cren que se un é hospitalario, xeneroso e respectuoso, toda a xente implicada sae ben parada. Este concepto é tan importante non só para a comunidade maorí, senón tamén para o resto dos habitantes neozelandeses, que está recoñecido polo goberno como un dos dous principios básicos da estratexia turística de Nova Zelandia.

O kaitiakitanga é o sentido que o pobo maorí ten de profundo respecto e protección da natureza e do seu entorno. Este concepto divídese en tres partes:

-O mana, que é o poder espiritual, e que se manifesta mediante a abundancia de plantas, árbores, animais, etc.

0269_te_waikoropupu_springs
(8) Te Waikoropupu Springs ©2011 Stephanie Cotteret

– O tapu, que é a restrición espiritual, é preciso para que o mana poida existir. Este concepto pretende defender os recursos naturais de saqueos masivos para conservar un equilibrio perfecto nos ecosistemas.

-O mauri é a forza de vida que ten que ser protexida para que o mana poida fluír. Non pode haber plantas e animais se non os protexemos para que se multipliquen.

Na actualidade a maioría da poboación maorí (ó redor do 86%) vive na Illa Norte así que se poden apreciar aspectos da súa cultura con máis ou menos asiduidade dependendo da zona na que se viva ou o sector no que se traballe.

Resulta imposible recoller e catalogar os infinitos detalles da cultura maorí nunha humilde entrada de blog coma esta, pero espero que polo menos servise para despertar o voso interese por unha cultura baseada no respecto pola natureza, a igualdade e a harmonía.

Ka kite anō! 

Alba Gil Vicente

DOCUMENTOS CONSULTADOS

(1) T. C. WOLFE, Maui The Hawaiian Demigod [imaxe]. Fine Art America. [En liña]. [Recuperada o 1 de marzo de 2017 de: http://fineartamerica.com/products/maui-the-hawaiian-demigod-thomas-christian-wolfe-art-print.html]

(2) Aotearoa/New Zealand [imaxe]. Nemp. [2001]. [En liña]. [Recuperada o 2 de marzo de 2017 de: http://nemp.otago.ac.nz/social_studies/2001/place/shape.htm]

(3) Marae [imaxe].Taranaki Daily News. [En liña]. [Recuperada o 1 de marzo de 2017 de: http://www.stuff.co.nz/taranaki-daily-news/77359857/redevelopment-of-one-of-taranakis-oldest-marae-in-early-stages]

(4) A. SALMOND, Hui: a study of Māori ceremonial gatherings. Te Ara – the Encyclopedia of New Zealand. [En liña]. [Consultado o 2 de marzo de 2017 en: http://www.teara.govt.nz/en/photograph/41373/wharekai-at-rahui-marae-tikitiki]

(5) Te Ahitainga urupa [imaxe]. Rangitane Education. [18 de decembro de 2015]. [En liña]. [Recuperada o 2 de marzo de 2017 de: http://rangitaneeducation.com/te-ahitainga-urupa/]

(6) Powhiri, USAF [imaxe]. Wikimedia Commons. [En liña] .[Recuperada o 1 de marzo de 2017 de: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Powhiri,_USAF.jpg]

(7) T. GRAHAM et AL., Core Maori Values and Principles [imaxe]. X Section Journal. [En liña]. [Recuperada o 1 de marzo de 2017 de: http://www.xsectionjournal.com/peer-review-2015/2015/11/19/landscape-cultural-exchange]

(8) Te Waikoropupu Springs [imaxe]. Waitapu Springs. [En liña]. [Recuperado o 3 de marzo de 2017 de: http://waitapusprings.com/discover/]

(9) Customs and Culture. Education in New Zealand. [2015]. [en liña]. [Consultado o 19 de febreiro de 2017 en: http://www.education-newzealand.org/customs-and-culture/ ]

(10) Māori Myths, Legends and Contemporary Stories, “Maui and the giant fish”. Te tāhuhu o te mātauranga, Ministry of Education [en liña]. [Consultado o 18 de febreiro de 2017 en: http://eng.mataurangamaori.tki.org.nz/Support-materials/Te-Reo-Maori/Maori-Myths-Legends-and-Contemporary-Stories/Maui-and-the-giant-fish]

(11)Maori Elders explain the meaning the of the Hongi. White Wolf Pack. [Agosto de 2013] . [En liña]. [Consultado o 19 de febreiro de 2017 en: http://www.whitewolfpack.com/2013/08/maori-elders-explain-meaning-of-hongi.html]

(12) Tikanga. Maori. [En liña]. [Consultado o 1 de marzo de 2017 en: http://www.maori.org.nz/tikanga/default.php?pid=sp35&parent=26]

10 comentarios en “A CULTURA MAORÍ… QUE BONITA É!

  1. Ola! Pareceume moi interesante o feito de que as casas de reunión simbolicen a un antepasado familiar, non só levando o seu nome, senón tamén as partes da casa que representen as partes do corpo. En xeral a cultura maorí paréceme moi cautivadora, e co teu traballo puidemos aprender un pouco máis.

    Gústame

    • Ola Marta! Moitas grazas polo teu comentario!.
      Esta entrada é unha ventá moi pequeniña que dá a un mundo moi grande, alégrome de que che pareza unha boa introdución á cultura maorí 🙂

      Gústame

  2. Ola Alba! A verdade é que me encantou a lenda de Māui sobre a creación das illas e o xeito en que a contaches. Tamén me pareceu moi curiosa a filosofía maorí e en especial o feito de que levamos o futuro ás costas e o pasado témolo sempre diante. É algo que nunca se me ocorrera pensar pero a verdade ten moito sentido. Grazas por iniciarnos nesta cultura tan interesante!

    Gústame

    • Graciñas Iago! Encántame que o contido che pareza atractivo e interesante. É incrible o pouco que sabemos da cultura maorí (bueno, de Nova Zelandia en xeral) así que todo suma!!
      Un saúdo 🙂

      Gústame

  3. Ola! Encantoume esta publicación, pareceume moi interesante e, ademais, seguro que me é moi útil porque o país que me tocou a min e ao meu grupo é tamen o de Nova Celandia.
    Noraboa!

    Gústame

    • Ola Xiana! A verdade é que temos moita sorte co país que nos tocou!
      Eu non esperaba que tivese unha historia tan rica e interesante, pero con cada cousa nova que aprendo sobre o país, a cultura, a xente, a fauna… enamórome un pouquiño máis de Nova Zelandia!! 🙂 🙂

      Gústame

  4. Unha entrada certamente interesante, parabéns! Gustoume, sobre todo, a explicación dos conceptos manaakitanga e kaitiakitanga. É un fermoso xeito de ver a natureza e a contorna na que vivimos.

    Gústame

    • Boas Noé!
      Os valores e principios morais dos maorís tamén foron o que máis me chamou a atención cando me estaba a documentar. O certo é que transmiten unha sensación de profundo respecto polo seu entorno e pola súa xente e iso sempre é admirable!
      🙂

      Gústame

  5. Qué entrada más interesante Alba!, al hacer el segundo texto de la asignatura, empecé a indagar más en esta cultura y me ha parecido vergonzoso que tuviera tan poco conocimiento de ella. Bueno, mejor tarde que nunca, y tu entrada me ha ayudado mucho. Esto puede ser 0 relevante, pero no puedo evitar comentarlo: no sé si habrá algún amante del cine de Disney como yo, pero sabíais que la nueva peli “Moana” o “Vaiana” en España, está inspirada en esta cultura? De hecho, la protagonista, Moana, tiene un nombre propio de los maorís, significa mar ( si habéis visto la película entenderéis qué acertado es el nombre). También hay un personaje que se llama como una palabra que tú has mencionado en el blog, Mauri. Bueno, por último os dejo este diccionario maorí-inglés que me parece bastante interesante: http://maoridictionary.co.nz/
    Saludos!

    Gústame

Deixar un comentario