TOP 5 LUGARES DE INTERESE EN DUBLÍN

Situada preto do centro da costa este irlandesa e divida polo río Liffey, Dublín é a cidade máis poboada de toda a República Irlandesa. Foi elixida pola Guía Lonely Planet como unha das dez mellores cidades para visitar no 2016, o cal non me sorprende, pois está repleta tanto de fascinantes monumentos e parques naturais coma de pubs nos que beber unha boa cervexa irlandesa. Deste xeito, vouvos presentar cinco lugares de interese turístico para unha breve visita nesta encantadora cidade.

1. Guinness Storehouse

guiness-storehouse
Copyright ©2017 Sobre Irlanda. SobreBlogs Networks.

Como non pode ser doutra maneira, a fábrica da cervexa Guinnes, que se encontra en St. Jame’s Gate, no centro de Dublín, é a atracción turística máis popular de Irlanda. O edificio, construído no 1904, consta de sete plantas cheas de historia e pensadas para o gozo do visitante. Deste xeito, coñecerás tanto o proceso de elaboración desta cervexa e os seus ingredientes, como a historia do seu creador, Arthur Guiness. Tamén poderás ver vídeos sobre a súa elaboración, os seus anuncios publicitarios feitos ata a actualidade e os distintos medios de transporte que empregaron ao longo da súa historia. Por suposto, terás a oportunidade de aprender a tirar unha pinta e desfrutar do seu sabor no Gravity Bar, cunhas vistas inmellorables de toda a cidade.

Pódense mercar as entradas na súa páxina web, que é especialmente recomendable en temporada alta para evitar as longas ringleiras que se forman.

2. Dublin Castle

dublin-castle
Copyright © 1997–2017 Viator, Inc. CUR015 – 330209

En pleno corazón da cidade, en Dame Street, poderás ter a oportunidade de coñecer algúns recunchos do Castelo de Dublín, pois ofrécense visitas guiadas nas cales se ensinan as súas salas estatais máis destacadas. O castelo foi o centro neurálxico do control británico de Irlanda e, hoxe en día, utilízase para acontecementos e reunións do estado.

Poida que tardes en dar con el, pois, debido a diversas guerras e incendios, o castelo foi remodelado tantas veces ao longo da historia que perdeu a forma externa dun castelo, agás unha gran torre que destaca, a Record Tower, xa que é a única que mantén a súa estrutura orixinal.

Unha dato curioso é que Dublín debe o seu nome a unha das partes deste castelo, aos xardíns que o rodean, coñecidos como Dubh Linn Gardens, que significa xardíns da lagoa negra, pois antigamente no sitio dos xardíns había unha lagoa.

3. Trinity College

trinity-college-dublin-n
Copyright © 2015 The Irish Post.

A terceira parada turística correspóndese coa coñecida Trinity College, a universidade máis antiga de Irlanda, fundada pola raíña Isabel I no 1952 sobre un antigo mosteiro agostiño. Algúns dos que foron seus alumnos son hoxe grandes coñecidos, como é o caso dos escritores Oscar Wilde e Samuel Beckett.

Pasear polos seus xardíns e contemplar a beleza dos seus edificios é do melloriño, así como tamén o é perderse polos longos corredores da súa impresionante biblioteca. Esta conta cuns tres millóns de libros e contén a maior colección de manuscritos e libros impresos de Irlanda, distribuídos en oito edificios, entre os que destacan o Libro de Kells e o Libro de Durrow.

Ademais, entre os meses de maio e setembro pódense alugar habitacións dentro do propio campus, moi cómodo para os turistas, xa que se encontra no centro da capital irlandesa.

4. Temple Bar

temple_bar
Copyright © 2017 ProNoticias.

Que non coñeces o Temple Bar? Imposible! É un dos pubs máis famosos e concorridos da cidade, situado nun dos barrios máis atractivos de Dublín, no Temple Bar. Gañou o premio Irish Music Pub of the Year dende o 2002 ata o 2012, o cal non é sorprendente, pois teñen sesións de música en directo todos os días. Ademais, conta cun espazo chamado Beer Garden, un lugar tranquilo no que relaxarse ao aire libre e no que se permite fumar. Destaca por ter a colección de whisky máis grande de Irlanda, así como por ser un dos poucos lugares da cidade nos que se poden degustar ostras frescas irlandesas acompañadas dunha Guinness.

Así que, se queres desfrutar de música tradicional irlandesa mentres tomas unha boa pinta, este é o lugar que tes que visitar.

5. Phoenix Park

phoenix-park
Copyright © 2017 Discovering Ireland Vacations.

E para rematar esta mini viaxe, que mellor ca relaxarse no parque urbano máis grande de Europa, o Phoenix Park. Foi creado no 1662 como unha reserva de cervos e no 1745 reformouse e abriu as súas portas ao público.

Alí podes pasear polos seus longos sendeiros e tamén poderás visitar algúns monumentos do parque, como o Monumento de Wellington (aparece na foto), a Cruz Papal ou a Columna de Fénix, entre outros; e se o que queres é ver animais, tamén terás a oportunidade, pois o Zoo de Dublín, un dos máis antigos do mundo, atópase aquí.

Iso si, percorrer todo o parque pode levarche varias horas, xa que mide máis de 700 hectáreas, aínda que se o prefires, podes alugar unha bicicleta nalgunhas entradas do parque.

Déixovos aquí o enlace dun vídeo no que se mostran algúns destes lugares e espero que con isto vos animedes a visitar esta cidade tan fermosa. E se xa visitastes algún dos mencionados ou queredes engadir outros, facédemo saber nos comentarios.

Paula Montoto García

Referencias:

Dublín.es – tu guía de Dublín [última consulta o 22 de febreiro de 2017]. Dispoñible en https://www.dublin.es/.

Fáilte Ireland, Visit Dublin [última consulta o 22 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://visitdublin.com/.

Hernández Porras, Javier. De visita por el castillo de Dublín [en liña]. 24/09/2014. [última consulta o 22 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://www.hanway.es/de-visita-por-el-castillo-de-dublin/.

OPW, Heritage Ireland. [última consulta o 7 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://www.heritageireland.ie/en/dublin/dublincastle/.

The Temple Bar Pub, The Temple Bar. [última consulta o 22 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://www.thetemplebarpub.com.

Trinity College Dublin, Summer accommodation. [última consulta o 23 de febreiro de 2017]. Dispoñible en https://www.tcd.ie/summeraccommodation/.

Vargas, J.M., Una visita a la Guiness Storehouse en Dublín [en liña]. 29/07/2009. [última consulta o 23 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://sobreirlanda.com/2009/07/29/una-visita-a-la-guiness-storehouse-en-dublin/.

Fotos:

Discovering Ireland Vacations. Phoenix Park. [última consulta o 8 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://www.discoveringireland.com/vacations/phoenix-park/.

Balasunclaram, Nemesha. Trinity College Dublin remains Ireland’s top university in new world ranking [en línea]. 01/10/2015. [última consulta o 7 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://irishpost.co.uk/trinity-college-dublin-remains-irelands-top-university-in-new-world-ranking/.

Pronoticias, The Temple Bar. Dublín, Irlanda [en liña]. 22/06/2016. [útlima consulta o 8 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://pronoticias.com/the-temple-bar-dublin-irlanda/.

Vargas, J.M., Una visita a la Guiness Storehouse en Dublín [en liña]. 29/07/2009. [última consulta o 6 de febreiro de 2017]. Dispoñible en http://sobreirlanda.com/2009/07/29/una-visita-a-la-guiness-storehouse-en-dublin/.

Viator, Inc. Dublin attractions. [última consulta o 7 de febreiro de 2017]. Dispoñible en https://www.viator.com/Dublin-attractions/Dublin-Castle/d503-a683.

Vídeo:

Expedia, Visit Dublin –Things to do and see in Dublin, Ireland. 09/03/2015. [última consulta o 9 de febreiro de 2017]. Dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=GTeyx1A-Gdg.

Advertisements

2 comentarios en “TOP 5 LUGARES DE INTERESE EN DUBLÍN

  1. Paréceme curioso que unha das atraccións turísticas máis destacadas de Dublín non sexa un monumento, senón unha fábrica de cervexa, feito que destaca a importancia deste produto en Irlanda. Por outra banda, é unha pena que as reformas que sufriu o Castelo de Dublín ó longo dos séculos desfigurasen a súa aparencia orixinal, que nos daría máis información sobre as características arquitectónicas da súa data de construción.

    En xeral, parece unha cidade cunha ampla variedade de atraccións turísticas, polo que sería interesante visitala.

    Gústame

  2. Ola Lucía, a verdade é que é moi curioso que a “Guinness Storehouse” sexa a atracción turística máis destacada, pero e que a fábrica é realmente incrible, pois ensinan tódolos detalles da elaboración da cervexa, e ata o contrato de arrendamento da cervexaría; se a isto se lle suma a importancia da cervexa en Irlanda, non é de estrañar que os turistas elixan este lugar para visitar. En canto ao Castelo de Dublín, coincido contigo en que é unha mágoa que debido a diversas guerras e incendios perdera a forma externa orixinal, pero pagou a pena que se reformase , xa que o interior se segue mantendo en perfecto estado.
    Na entrada só falo de cinco lugares, pero son moitos os que se poden visitar, así que se te animas a visitala, podes comezar por algún destes cinco.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s