A convivencia entre o inglés e o gaélico irlandés

No actual dominio territorial da República de Irlanda conflúen dende o século XVI dúas linguas en situación de diglosia: o gaélico irlandés ou irlandés e o inglés. Mais para poder entendermos mellor esta situación cómpre un chisco de historia:

grafico
Creative Commons Attribution-ShareAlike License

O irlandés ou gaélico irlandés é unha lingua céltica de igual xeito que son o gaélico escocés, o gaélico manx, o galés, o bretón e mais o córnico. As linguas gaélicas proceden do irlandés antigo e as outras tres de linguas celtas ascenden do britónico. Todas elas teñen como devanceiro común  o protocelta, que vén á súa vez do propio indoeuropeo.

Actualmente non se sabe a ciencia certa cando chegou o irlandés á Illa de Irlanda, mais crese que posiblemente fose arredor do ano 300 a.C. As primeiras evidencias de escritura nesta lingua maniféstanse en forma de gravados nuns monumentos megalíticos co alfabeto Ogham, composto de puntos e trazos lineais. Non obstante, no século V d.C., coa chegada do cristianismo comezouse a empregar o alfabeto latino para representar a lingua irlandesa. Foi entón cando da man dos monxes cristiáns comezou a desenvolverse a literatura da lingua en forma de poemas e anotacións nas marxes dalgúns manuscritos latinos que se conservan a día de hoxe. Ademais, a arribada do latín a Irlanda fixo que o gaélico enriquecese o seu léxico.

Nos seguintes anos logo da chegada do cristianismo produciuse a expansión das tribos irlandesas que tiñan o gaélico como lingua nai. Estas espalláronse polo territorio da actual Escocia e impuxéronlle a súa lingua e cultura ó pobos pictos que ocupaban o lugar. De aí que a día de hoxe exista nesa zona a lingua gaélico escocesa, irmá do gaélico irlandés, co que garda aínda moitas similitudes.

No século IX, a lingua irlandesa xa se estendera pola práctica totalidade de Escocia, áreas do norte da Illa de Gran Bretaña e tamén pola Illa de Man. Nesta último territorio insular a lingua irlandesa deu lugar ó gaélico manx, conservado na actualidade.

Logo da chegada dos viquingos e da súa derrota por parte do irlandeses no século XI, o mundo gaélico de Irlanda e Escocia estaba en pleno auxe político, lingüístico e cultural.

Coa conquista anglo-normanda de Irlanda do século seguinte, o gaélico entrou en contacto coas linguas normanda e inglesa, que lle achegaron máis léxico e influíron na pronuncia. Dende aquela ata o século XVI, o gaélico irlandés foi a lingua dominante. Non obstante, entre os séculos XVI e XVII producíronse feitos como a colonización de Irlanda por parte da Coroa inglesa coas monarquías dos Tudor e os Stuart, a conquista de Oliver Cromwell, os conflitos entre os católicos e os protestantes  e mais as Leis penais, que acabaron por botar abaixo o estatus da lingua gaélico irlandesa. Dende entón, a imposición da Coroa inglesa de novas estruturas que afectaban sobre todo ós sistemas administrativo e legal levou a unha progresiva perda de falantes de irlandés en favor do inglés. Este feito supuxo un duro golpe para a cultura gaélica.

O gaélico irlandés carecía entón de estatus oficial e era reprimido e desleixado acotío. Para o ano 1800, ningunha persoa con poder político ou económico empregaba o irlandés como lingua de comunicación. Tratábase daquela dun idioma moi debilitado que unicamente residía nas clases populares das cidades e nas comunidades do rural.

Malia isto, os habitantes de Irlanda eran conscientes do estado de decadencia da lingua. Foi entón cando nos primeiros anos do século XVIII os intelectuais comezaron a mostrar interese pola lingua e literatura gaélicoirlandesas e comezaron a xurdir voces que reclamaban que o irlandés se convertese na lingua nacional. Este último feito plasmouse na acta constitucional de 1922 na proclamación do Estado Libre de Irlanda e logo da independencia de Irlanda do Reino Unido. Na Constitución de 1937, vixente actualmente, tamén está reflectida a idea do irlandés como lingua nacional.

En 1876, creouse a Asociación para a Preservación da Lingua Irlandesa (Society for the Preservation of the Irish Language), que conseguiu levar o irlandés a todo o sistema educativo incluíndo a universidade. Ademais, en 1893 formouse a asociación sociocultural Liga Gaélica (Gaelic League) vencellada hoxe co sector nacionalista, cuxo obxectivo era o de promover a lingua irlandesa. Esta formación, ademais de concienciar a grandes masas de irlandeses sobre a importancia da súa lingua, elaborou a primeira gramática do gaélico irlandés. Como resultado deste esforzo, esta gramática converteuse no estándar oficial en 1958 apoiado polo goberno na xa República de Irlanda.

Situación actual

gaeltacht-maps
© 2016 Foras na Gaeilge. All Rights Reserved. Evolución negativa do número de falantes nativos nas zonas nas que o gaélico irlandés foi tradicionalmente a lingua maioritaria (Ghaeltacht).

A día de hoxe, malia todos os esforzos que se levaron a cabo dende a independencia de Irlanda, a situación do gaélico irlandés é cada vez peor. Dos 250 000 falantes nativos que había nos primeiros tempos da nova Irlanda, quedan entre 20 000 e 30 000. Ademais, numerosos estudos apuntan que o nivel de fluidez en irlandés é moi baixo incluso nos territorios nos que tradicionalmente a lingua mostrou máis resistencia. A situación real do idioma é tan desoladora que incluso se cre que o seu uso natural acabará por extinguirse nas dúas próximas xeracións. De perderse a lingua producirase unha ruptura irrevogable co pasado cultural e a identidade irlandesa. Nestes termos, moitas voces apuntan de cara unha deficiencia nas políticas lingüísticas do goberno da República de Irlanda.

Afortunadamente, o feito de que o irlandés sexa a lingua vehicular de parte da educación e grazas tamén á concienciación da xente, un total estimado de 77 200 persoas empregan a lingua irlandesa na súa vida diaria malia non ser este o idioma co que se criaron.

CSO_Irish
Copyright © 2012/2013 Bliain na Gaeilge. Relación dos falantes de gaélico irlandés por sexo, idade e frecuencia da fala segundo o censo do 2011.

No caso de Irlanda do Norte a conxuntura da lingua gaélicoirlandesa é similar, pois ata os anos 70 víase no irlandés unha ameaza. Malia ter cambiado esta perspectiva e considerar agora a importancia cultural da lingua, a situación lingüística é igual de desesperanzadora.

Así mesmo, cabe tamén confrontar a situación da lingua irlandesa en Irlanda e mais a do galego en Galicia. En ambos os dous casos é evidente que aínda existen prexuízos froito de intereses que se emperran en xerarquizar as linguas seguindo ilóxicos criterios de uso e importancia cando realmente ningunha lingua ten máis valor ca outra. Este tipo de crenzas infundadas levan a que as linguas inglesa e española lle estean roubando a vida respectivamente ó irlandés e ó galego de xeito inxustificable. Mais a lingua vive nos falantes e na súa conciencia está deixala vivir ou morrer.

Iván García Fuentes

Bibliografía e referencias:

British Broadcasting Corporation (2014): Irish Gaelic [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en: http://www.bbc.co.uk/voices/multilingual/irish_history.shtml

Céad Míle Fáilte (2016): What is Irish? [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en:http://www.gaeilge.org/irish.html

Irish Language (2002): History of the Irish Language [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en:http://www.irishlanguage.net/irish/history.asp

Irlandeses (2006): Historia de la lengua irlandesa [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en: http://www.irlandes.org/esirish/history.asp

Laínz, Jesús (2015): «Adiós, Gaélico», Libertad digital [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en: http://www.libertaddigital.com/cultura/2015-08-28/jesus-lainz-adios-gaelico-76497/

Údarás na Gaeltachta (2006): Background on the Irish Language [en liña]. [Referencia do 30 de abril de 2016]. Dispoñible en: http://www.udaras.ie/en/an-ghaeilge-an-ghaeltacht/stair-na-gaeilge/

Advertisements

2 comentarios en “A convivencia entre o inglés e o gaélico irlandés

    • Grazas polo teu comentario, Lucía! A verdade é tanta, é unha pena que se produzan este tipo de situacións lingüísticas, pois todas e cada unha das linguas son as nosas ferramentas de comunicación e non é xusto que se xerarquicen de xeito ningún.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s