Un achegamento á cultura maorí

Nau mai haere mai ou benvidas/os. Hoxe imos achegarnos á cultura maorí para coñecer e comprender as características propias do país no que ten lugar, que é Nova Zelandia.

maorivillage.jpg

Pódese consultar a fonte orixinal das imaxes premendo sobre elas.

A palabra maorí significa literalmente común ou normal. Os maorís son os tangata whenua, o pobo indíxena de Nova Zelandia, descendentes dos polinesios. Chegaron ás illas hai máis de mil anos dende a súa terra natal Hawaiki. Aquí é onde pertencen e onde os maorís van cando finan. Hawaiki para os maorís é tanto un lugar físico como espiritual, xa que está profundamente asociado co círculo de nacemento, vida e morte.

Hoxe en día, o pobo maorí representa o 14% da poboación neozelandesa e a súa historia, o seu idioma e as súas tradicións son fundamentais na identidade do país.

Lingua maorí

Te Reo Māori é a lingua dos maorís. É unha das linguas oficiais do país dende 1987, xunto co inglés máis a lingua de signos. A lingua maorí está medrando con forza nos últimos anos, xa que se considera un tesouro nacional. Hai iniciativas que están axudando a ese rexurdimento, coma a Semana da Lingua Maorí, as escolas maorís e unha canle de televisión. Ademais, estanse adaptando palabras maorís no uso habitual, en concreto as referentes ós saúdos. A emisora de radio estatal de Nova Zelandia ten unha lista de saúdos maorís con guías de audio para escoitar como deben ser pronunciadas. Pódense escoitar aquí: http://www.radionz.co.nz/collections/kiaora?utm_source=newzealandnow.govt.nz

Por último, aquí vai unha ligazón que contén cen palabras maorís que todo neozelandés ten que saber: http://www.nzhistory.net.nz/culture/maori-language-week/100-maori-words?utm_source=newzealandnow.govt.nz

Costumes

Os dous aspectos máis importantes que debemos coñecer dos costumes maorís son os seguintes: Manaakitanga e Kaitiakitanga. O primeiro concepto está relacionado coa benvida e o coidado dos convidados. Os maorís teñen que ser hospitalarios, xenerosos e amosar respecto. Isto calou tanto na vida da xente neozelandesa que ata o Goberno o recoñece como un valor central do país.

O segundo concepto fai referencia ó sentido de respecto e obriga que teñen os maorís co medio ambiente, xa que para eles todo o presente na natureza é sagrado. Outros conceptos enlazado con isto son mana, tapu e mauri. Vexamos:

Mana é o poder espiritual. O mana dun bosque amósase polas abundantes flores e froitas. Ademais, os seres humanos amosan tamén un mana de xeito que unha persoa con mana, que consiga logros ou éxitos, teña presenza. O mana inflúe no comportamento da propia persoa como dos demais, e tamén do grupo.

Tapu é a restrición espiritual, tanto de persoas coma de cousas. É preciso que haxa restricións para que o mana teña logo lugar. O tapu protexe á xente e ós recursos naturais. Adóitase exemplificar, por exemplo, coas limitacións de pesca ata que a poboación se recupere, no caso de ter poucos peixes.

Mauri é a forza da vida. O mauri do bosque ten que ser protexido para que o mana poida fluír. Esta idea tamén prendeu na cultura neozelandesa, polo que senten unha gran responsabilidade polo mundo natural.

Ritos maorís

A benvida maorí, chamada pōwhiri, comeza fóra do marae ou lugar sagrado cun wero (desafío). Un guerreiro dos anfitrións retará un convidado para comprobar se son amigos ou inimigos. Se o visitante demostra vir en paz, ten lugar a chamada de benvida. Unha muller maior realizará a chamada ou karanga, de xeito que os visitantes poidan acercarse en grupo ó marae lentamente e en silencio, coas mulleres diante e os homes detrás.

marae_sm

Unha vez que están no territorio sagrado, fronte ou dentro da casa ancestral principal, os visitantes e os anfitrións teñen os seus asentos enfrontados. Ten lugar o momento dos discursos, pronunciados xeralmente por dous homes maiores, un de cada grupo. Entre discurso e discurso, cántase unha canción para fixar o pronunciado. Despois, os visitantes presentan un agasallo ós anfitrións.

Finalmente, chega a hora de saudarse cun hongi: cerimonia na que se tocan o nariz. E rematan compartindo kai (comida) como símbolo do manaakitanga ou hospitalidade.

hongi.jpg

Kapa Haka

Este é o termo das artes escénicas maorís. Significa literalmente formar unha liña (kapa) e bailar (haka). Son unha mestura entre cancións, danzas e cantos. Incluso poden facer demostracións con armas tradicionais. O kapa haka realízano grupos culturais nun marae, en escolas ou en festividades.

Te Mataini1.png

O máis coñecido é o haka ou danza de guerra maorí. Empregábase tradicionalmente no campo de batalla e cando os grupos se reunían en paz. É unha demostración do orgullo, a forza e a unidade da tribo. Hoxe en día, a danza é empregada polo equipo de rugby de Nova Zelandia chamados All Blacks antes dos partidos. O haka é bastante característico, vexamos:

Ata aquí o achegamento á cultura maorí. Agardo que vos gustase. Espérovos nos comentarios.

Ka kite anō ou ata outra!

Natalia O. A.

 

Advertisements

10 comentarios en “Un achegamento á cultura maorí

  1. Boas tardes, Natalia.

    Pareceume moi interesante a túa entrada. Moi curiosa a forma de benvida que dan os maorís ós convidados, e que estes teñan que demostrar que van en paz. E encantoume o apoio que a lingua recibe por parte dos cidadáns.

    Un saúdos
    Tamara

    Gústame

  2. Ola Tamara!
    Grazas polo teu comentario.
    Concordo contigo na peculiaridade da benvida. Penso tamén que é moi importante que apoien no fomento da súa lingua propia. Como ben sabemos, a lingua é cultura. E non hai cousa máis valiosa e fermosa que tratar de manter a lingua viva e axudar a súa difusión.
    Un saúdo.

    Gústame

  3. Ola, Natalia:

    En primeiro lugar, gustaríame darche os parabéns pola entrada. Esa perspectiva global que decidiches ofrecernos paréceme moi atinada. Así e todo, tras ler o texto completo, preséntaseme unha dúbida coa oración «estanse adaptando palabras maorís no uso habitual, en concreto as referentes ós saúdos». Son exclusivamente as expresións dos saúdos as que non están normalizadas na lingua maorí e as que se intentan recuperar?

    Talvez sexa unha situación paradoxal, semellante á que padece a lingua galega coas fórmulas de agradecemento, pois ben sabes que expresións como grazas, beizóns ou mercés, malia seren moi usadas no pasado, atravesan hoxe unha situación residual.

    Máis nada.
    Saúdos
    Manuel

    Gústame

    • Ola, Manu:
      Antes de todo, grazas pola túa participación.
      Intentarei respostar a túa pregunta. Ó que quería reflectir con esa oración é que os neozelandeses están traballando arduamente para recuperar a lingua maorí, xa que apenas a falan e coñecen menos do 30% de toda a poboación, uns cen mil falantes fronte ós máis de catro millóns de habitantes.
      Tal e como nomeei, están facendo moitas iniciativas que lles axuden ó rexurdimento da lingua, para que non se extinga (a principio do século XX estivo a piques). Polo tanto, ademais das iniciativas creadas que citei, están intentando promover no uso habitual da lingua (que é o inglés) a adaptación de palabras maorís para o uso cotián.
      Entón non é que só se estén normalizando os saúdos maorís, e que son as palabras máis susceptibles de adaptarse con rapidez e que afondaron decotío. Pero o seu traballo non queda reducido a iso.

      Agardo que se comprenda a miña explicación.
      Saúdos!

      Liked by 1 person

  4. Ola, Natalia:
    En primeiro lugar quero felicitarte por esta entrada, pois pareceume moi interesante. Grazas a ela descubrín algúns trazos culturais que me eran totalmente alleos. O apartado dos costumes deixoume bastante sorprendida, pois é algo que aquí descoñecemos totalmente. Ademáis, paréceme xenial o fomento que parece que lle están dando á súa lingua propia.
    Oxalá poida ir algún día a Nova Zelandia para vivir esta cultura máis de cerca!
    Un saúdo,
    Laura

    Gústame

    • Ola, Laura:
      Moitas grazas polo teu comentario. Alégrome de que che parecese interesante. E por suposto, oxalá poidamos visitar todos os países nos que estamos afondando culturalmente para coñecer de primeira man o que comentamos.
      A min tamén me parece moi ben (e necesario) que fomenten a súa lingua propia e non a deixen extinguir.
      Saúdos,
      Natalia

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s